Hazte socio/a
Última hora:
Novedad muy novedosa

A Biblia en galego, agora dispoñible en liña

"Que estea agora dispoñible online en galego significa que a nosa lingua segue viva", dixo o arcebispo Prieto

Desde 3 de xuño, calquera persoa con acceso a Internet pode consultar as Sagradas Escrituras en galego a través do portal abiblia.gal, unha iniciativa impulsada pola Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT), que marca un antes e un despois na difusión do texto bíblico na nosa lingua

O acto de presentación celebrouse en Santiago, o martes 3 de xuño no Instituto Teolóxico Compostelano, e contou coa participación de representantes das principais institucións culturais, lingüísticas e relixiosas de Galicia

Presentación da Biblia en galego na edición en liña | Archicompostela

(Archicompostela.org).- Desde 3 de xuño, calquera persoa con acceso a Internet pode consultar as Sagradas Escrituras en galego a través do portal abiblia.gal, unha iniciativa impulsada pola Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT), que marca un antes e un despois na difusión do texto bíblico na nosa lingua.

O acto de presentación celebrouse en Santiago, o martes 3 de xuño no Instituto Teolóxico Compostelano, e contou coa participación de representantes das principais institucións culturais, lingüísticas e relixiosas de Galicia. A sesión comezou cun repaso á historia da Biblia en galego, lembrando que a primeira edición completa viu a luz en 1989 e que a cuarta edición impresa, publicada en 2022, serviu de base para esta nova versión dixital.

Silvestre Gómez Xurxo, presidente de SEPT e responsable do proxecto, salientou que a historia da Biblia en galego é tamén a historia dun compromiso colectivo. SEPT, fundada en 1966, iniciara nos anos 60 a publicación de fragmentos bíblicos (Evanxeos, Salmos…) e decidiu en 1973 traducir a Biblia completa directamente das linguas orixinais. O resultado foi a edición de 1989, froito do traballo de 13 tradutores.

A nova versión en liña, segundo explicou, non substitúe a edición impresa, que segue a ser fundamental para o estudo e a reflexión, pero facilita o acceso para unha lectura cotiá e áxil. Gómez lamentou que non fose posible incluír audios por razóns de custo e calidade, pero celebrou que agora calquera persoa cun móbil ou ordenador pode ler a Biblia en galego desde calquera lugar do mundo. A edición dixital inclúe o nome de cada tradutor ao comezo dos libros correspondentes e está dedicada a Alfonso Zuleta e Kiko Domínguez, dous referentes históricos da SEPT.

Unha web sinxela, útil e accesible

Lois Subiela, representante de Ozono Multimedia, empresa encargada do desenvolvemento do sitio web, explicou que abiblia.gal foi deseñada para ser intuitiva, limpa e rápida, sen anuncios nin rexistros. A navegación é clara: selección entre Antigo e Novo Testamento, libros, capítulos e un paxinador que facilita o desprazamento. O deseño adapta o texto a calquera tamaño de pantalla, e os versículos aparecen numerados e destacados en azul para facilitar a consulta.

Un fito para a lingua e a cultura galegas

Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, destacou a relevancia cultural, relixiosa e lingüística da edición dixital. Recordou que os primeiros textos bíblicos en galego datan do século XI e que a edición de 1989 foi, segundo dixo, froito do voluntariado lingüístico de cristiáns galegos. Ademais, valorou especialmente o compromiso público do actual Arcebispo de Santiago co galego na Igrexa.

Socializando e universalizando a Biblia na nosa lingua

Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, definiu este paso como un “fito histórico” que permitirá socializar e universalizar a Biblia en galego. A Xunta de Galicia apoiou a edición impresa de 2022 tanto economicamente como co asesoramento lingüístico. García explicou que, grazas á tecnoloxía, os textos superan as limitacións físicas do papel e fanse accesibles a novas xeracións, dentro e fóra de Galicia.

Unha base fundamental da cultura universal

Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega, puxo o foco na dimensión cultural e simbólica do proxecto, máis alá da fe: “É un avance para toda a comunidade, cun gran efecto normalizador”. Lembrou que a falta dunha Biblia en galego nos deixou durante séculos fóra de estudos lingüísticos comparados, e agora esta edición permite que Galicia entre de cheo no ámbito da investigación científica e tecnolóxica arredor dos textos bíblicos. Subliñou tamén que os textos da Biblia son unha base fundamental da cultura universal, e tela dispoñible en galego abre novas posibilidades de conexión co patrimonio común da humanidade.

A oralidade segunda

O Arcebispo de Santiago, Monseñor Francisco José Prieto Fernández, pechou o acto cualificando esta nova etapa como unha oportunidade para que a Biblia siga sendo un “texto vivo” e encontre “eco” nas novas formas de lectura dixital. Comezou agradecendo o labor de todas as persoas e institucións implicadas no proxecto e non tardou en recoñecer o atrevemento de falar da «Palabra» con maiúsculas, sobre todo cando esta se verte no idioma do pobo galego.

Mons. Prieto puxo o foco nun concepto que definiu como central: a oralidade segunda. “Cando un texto impreso ou dixital é proclamado en voz alta e pasa a ser escoitado, revive a tradición dos primeiros tempos”, explicou. Evocou as sinagogas dos primeiros séculos, onde o texto sagrado era lido en voz alta e, dese xeito, apropiado pola comunidade: «Moitos textos da Biblia chegaron ata nós porque foron escoitados e logo escritos. Esa é a forza da oralidade segunda: un texto que revive cada vez que é proclamado».

O arcebispo resaltou que esta nova edición online da Biblia en galego non é só unha ferramenta tecnolóxica, senón unha oportunidade para que a lingua galega siga sendo “lingua viva, cultural e cultual”. Ademais, engadiu que a Biblia, ao longo da historia, foi motor de normativización lingüística en moitas culturas: “O feito de que estea agora dispoñible online en galego significa que a nosa lingua segue viva, en diálogo co mundo e co transcendente”.

Tamén fixo referencia ao papel da tecnoloxía, aos retos e oportunidades que ofrece Internet e mesmo á intelixencia artificial. Mons. Francisco Prieto rematou cun agradecemento sincero ao equipo editorial, técnico e institucional que fixo posible o proxecto e animou a crentes e non crentes a achegarse ao texto: “Ler a Biblia é ler un dos textos que definiron a humanidade. E en galego, é tamén unha forma de celebrar quen somos”.

Esta edición online da Biblia en galego representa a cuarta revisión do texto e supón un paso máis na súa adaptación aos tempos actuais, co obxectivo de chegar aos recunchos máis remotos –sempre que haxa cobertura– e continuar facendo da Palabra un punto de encontro, de fe e de cultura.

También te puede interesar

La Plenaria de noviembre vendrá marcada por la elección del vicesecretario general de Asuntos Económicos

¿Es Alfredo Dagnino el 'tapado' para sustituir a Barriocanal?

El prelado se sintió mal durante la noche, y los servicios médicos no pudieron hacer nada

Fallece, de un infarto fulminante, José Antonio Álvarez, obispo auxiliar de Madrid

Lo último

La sabiduría del corazón

Corazón pensante para humanizar

Cuidar cuando no se puede curar

Nunca incuidables

Morir humanamente, morir acompañado

Morir con dignidad